domingo, 5 de octubre de 2014

Caduca a concesión de aproveitamento de augas no río Tea para a macroincineradora de biomasa

rio_teaADENCO ten presentado recentemente sendos documentos perante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas indicando que a solicitude de autorización para instalación de captación de auga con destino á planta de xeración eléctrica a partir de biomasa forestal concedida por un período dun ano ten caducado en datas recentes. Polo tanto a autorización para a captación de augas queda sen validez tal e como indica o informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no que se concede a autorización.

Continúa o conflito sobre o proxecto de macroincineradora de biomasa

O proxecto de macroincineradora xa vén de lonxe. Desde principios do ano 2010 estase tentando autorizar este proxecto no Condado. Inicialmente pretendeuse a instalación no lugar de Ribadetea (Ponteareas) pero a mobilización dos veciños e dos movementos sociais do Condado conseguiron facer recuar á empresa que está a tentar agora desenvolver o proxecto no lugar d’A Lagoa, en Mondariz.
Cómpre lembrar que o proxecto da planta no lugar d’A Lagoa ten prevista a captación de auga directamente do Río Tea, un espazo protexido que se atopa inserido na Rede Natura 2000. A praia do Val, lugar de esparcemento para a veciñanza do Condado, é o espazo concreto no que se realizaría a captación.

ADENCO oponse a esta instalación e propón un modelo sustentable de xestión do monte

Desde ADENCO quérese lembrar que a macroincineradora non ten garantida as 320 toneladas diarias de biomasa necesaria para o seu funcionamento, polo que precisaría de importantes cantidades de cultivos enerxéticos. Este feito é confirmado no estudo realizado polo Instituto Enerxético de Galicia de título “Análisis de la viabilidad del mercado de biomasa en Galicia y norte de Portugal”, que recoñece a necesidade da utilización a grande escala de cultivos enerxéticos para este proxecto de planta de biomasa para producir electricidade. Segundo este estudo serían precisas para a incineradora máis de 11.000 toneladas anuais de cultivos enerxéticos de especies alóctonas e invasoras como a Paulownia, o eucalipto, a mimosa, a acacia de madeira negra ou a falsa acacia.
Alén destas cuestións, esta instalación provocaría impactos negativos á saúde dos veciños e das veciñas, entre os que cómpre destacar as emisións contaminantes e as nanopartículas, menores a unha micra, capaces de entrar directamente no torrente sanguíneo e causantes de numerosas enfermidades.
O Grupo Ecoloxista ADENCO continuará coa campaña informativa sobre o proxecto de planta de xeración eléctrica a partir incineración de biomasa forestal en Mondariz, no lugar d’A Lagoa, informando dos impactos que tería a planta e animando aos veciños a alegar contra o proxecto. Do mesmo xeito, continuarase a informar sobre as alternativas existentes na xestión da biomasa que poderían crear emprego no Condado sen causar impactos na veciñanza nin nos montes da Comarca e cun investimento moito menor.
Desde ADENCO proponse un modelo de xestión multifuncional do monte onde o respecto polo medio ambiente e o uso social adquiran relevancia e no que a biomasa poida ser utilizada para iniciativas económicas sustentables como a introdución de gando en extensivo para o control do mato ou a compostaxe da biomasa, actividades realizadas de xeito tradicional na nosa Comarca.