martes, 12 de febrero de 2013

Protesta: Novas barbaries polo progreso

Fomento podería destruír valiosos restos arqueolóxicos en Lugo

As obras da A-54 ao seu paso por Coestes (Lugo) descubriron en 2011 o que podería ser o maior túmulo da península. As obras continúan e a Dirección Xeral de Patrimonio aínda non emitiu ningún informe oficial.
 
A autoestrada Lugo-Compostela podería levarse por diante un anaco da nosa historia. As obras ao seu paso pola parroquia de Coestes (Lugo) deron en 2011 cun túmulo duns 60 metros, o de maior tamaño da península. Vari@s arqueólog@s puxeron de manifesto a súa preocupación após que malia a importancia do achado as obras continúen e a Dirección Xeral de Patrimonio non faga público o seu informe ao respecto.
Restos arqueolóxicos de Coestes
 "Os restos son importantes", sinala en conversa telefónica Xabier Moure, unha das persoas que denunciou o caso no seu blogue, "contan con varias estruturas formadas por muros interiores e exteriores e unhas foxas con fragmentos cerámicos e unha conta de colar de procedencia púnica, e cuxa datación, á espera das conclusións definitivas dos arqueólogos de Patrimonio en Lugo, pode situarse entre finais da Idade do Bronce e inicios da Idade do Ferro".

Polo de agora as únicas declaracións de Gonzalo Meijide, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio en Lugo, realizounas ao portal Culturagalega.org. Nelas confirmaba a Manuel Gago que "o lugar é moi novidoso no contexto galego e peninsular" e deixaba a idea de que as obras de Fomento afectarían a unha parte do xacemento.
Outro arqueólogo, Rafa Quintiá, afirmou a Sermos Galiza que casos como este acontecen moito polo sistema actual vixente cando se realizan grandes obras públicas. "A subcontrata conta cunha empresa privada que realiza as prospeccións cando hai sinais dun xacementos e ás veces cando xa pasou a maquinaria por riba", asegura. No caso de Coestes coincide con outr@s investigador@s en que o xacemento arqueolóxico é "un caso excepcional, cando lin a descrición do posíbel túmulo viñéronme á cabeza moitos do túmulos británicos e irlandeses co mesmo tipo de elementos".
Xabier Moure: "Na mesma zona existen dous castros e con este túmulo a maiores o seu valor patrimonial é incalculábel"
Algunhas fontes indican que Fomento non variará o trazado da autoestrada e levará por diante o que podería ser unha das grandes iconas arqueolóxicas de Lugo. "Na mesma zona existen dous castros e con este túmulo a maiores o seu valor patrimonial é incalculábel", informa Xabier Moure.
O BNG pregunta no Congreso
Rosana Pérez, deputada do BNG no Grupo Parlamentario Mixto, presentou varias preguntas ao Ministerio de Fomento sobre este asunto. O BNG quere saber cal é a opinión de Fomento en relación a estes restos arqueolóxicos e as obras da A-54 en Coestes, se vai adoptar medidas para conservar eses achados e se a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta finalizou o seu informe sobre o xacemento. O interese da nacionalista por este último ponto radica en que o trazado da autovía non pode danar, en ningún caso, zonas de alto interese patrimonial. Segundo un adianto dos arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio en Coestes ten moito interese por ser "atípico en Galiza e de difícil interpretación".
Desde o BNG no concello de Lugo a súa voceira, Paz Abraira, afirma que a conservación do patrimonio no municipio debería abranguer tamén estes restos. "Lugo está a piques de estrear un Museo da Romanización, sería interesante que contara tamén a nosa historia antes e após esa época da nosa historia".

No hay comentarios:

Publicar un comentario