viernes, 24 de diciembre de 2010

O Apalpador, o papa noel galego.

O Apalpador, a personaxe mítica do Nadal galego.

O Apalpador (tamén coñecido como Pandigueiro ou Apalpadoiro) é un vello carboeiro que mora nas montañas do Courel. Leva unha vida sinxela, sen grandes preocupacións, sempre vestido co seu vello casaco remendado e a súa boina. É unha persoa humilde, sen avareza, que partilla o pouco que ten co resto da xente. E as castañas son a súa larpeirada preferida!

Cada 24 de decembro (ou 31 de decembro, segundo a zona) baixa das montañas e vai visitar os meniños e meniñas galegas. Entre nas casas á noitiña, cando están a durmir, e apálpalles o bandullo para saber se están ben mantidos. A quen pasaron fame e teñen a barriga vacía, déixalles unha presa de castañas co desexo de que no próximo ano vivan con fartura. A quen a teñen chea déixalles tamén unha presa de castañas co desexo de que continúen así todo o ano.

Mais o Apalpador é xeneroso e non só deixa castañas, senón que tamén dá presentes aos cativos. Estes presentes non son obxectos de consumo nin de grandes almacéns, son detalles feitos á man, libros, música non comercial, produtos de comercio xusto... Produtos sinxelos dun home sinxelo.

Entón xa sabedes, este Nadal lembraivos deste vello carboeiro á hora de pedir os regalos!

♫ Vaite logo meu nenín, ♫
♫ marcha agora prá camiña, ♫
♫ que vai vir o Apalpador ♫
♫ apalparche a barriguiña. ♫

No hay comentarios:

Publicar un comentario